Pradolongo – “Quen puidera namorala”
Luis Emilio Batallán volve gravar, por primeira vez dende os 70, este tema inspirado na cantiga neotrobadoresca de Cunqueiro, para integrala na banda sonora do filme de Ignacio Vilar Pradolongo, producida por Vía Láctea.
Pradolongo é a historia de tres amigos da infancia: Raquel (Tamara Canosa), Martiño (Rubén Riós), e Armando (Roberto Porto) acaban de cumprir a súa maioría de idade, e prepáranse para un verán na aldea: festas, tardes no río… Pero os sentimentos amorosos e os intereses de clase, ao aparecer a posibilidade da venda de Pradolongo, un prado de alta montaña pertencente á familia de Martiño, á louseira do pai de Armando, cambian a relación entre eles.
Ignacio Vilar rodou a historia entre o 16 agosto ao 28 de setembro de 2007, na comarca ourensá de Valdeorras: a lagoa de Ocelo en Pena Trevinca, as canteiras de lousa no concello de Carballeda de Valdeorras, a aldea de Robledo en Vilamartín, que o autor xa reflectira nos seus traballos Un bosque de música e A aldea: o antigo e o novo, ademais do dialecto de transición entre o galego lucuauriense e o berciano, son algunhas das marabillas que configuran o escenario.
QUEN POIDERA NAMORALA
No niño novo do vento
hai unha pomba dourada.
Quen poidera namorala
quen poidera namorala
meu amigo….
Canta o luar e o mencer
en frauta de verde olivo.
En aires de fror recente
cousas de recen casada.
Tamen ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
Quen poidera namorala
quen poidera namorala
meu amigo….
CUNQUEIRO, Álvaro, Cantiga nova que se chama Riveira, en Obra en galego completa, Vigo, Ed. Galaxia, 1980.