Hai uma igreja galega que existe e resiste
A Igrexa tamén presenta o seu manifesto polo galego
.
O Foro de Curas Galegos súmase, co ‘Manifesto polo galego na Igrexa’, ás manifestacións da sociedade galega ‘a prol do uso normal da súa lingua identitaria’.
Os curas queren apoiar así o Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego, que representa que “o pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia orixinaria sexa oficial para todos os efectos no seu ámbito territorial, e que os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu”.
Sinalan, con todo, que a situación actual do galego “está moi lonxe” disto, e que o mesmo contexto é “para unha Igrexa en Galiza, que se resiste a ser galega”. Mesmo apuntan a Igrexa como “un dos elementos máis desgaleguizadores da historia galega”, un “pecado histórico endémico”, lembrando as palabras do bispo Araúxo (“a Igrexa galega ten unha débeda e un pecado histórico con respecto ó noso pobo: esquecer a nosa lingua e a nosa cultura”).
Así e todo, “a pesar da reticencia ao galego dalgúns xerarcas e de moitos cristiáns e cristiás que enchen as igrexas galegas cada domingo, nós estamos convencidos de que os peixes vivos nadan sempre contra corrente, como di a sabedoría popular; son os peixes mortos os que se deixan levar pola corrente, e nos sentímonos ben vivos aínda”. Malia os ataques de certas publicacións ou grupos, afirman que seguen a ser “a proba de que, fronte ao imperialismo castelán uniformador de parte da Igrexa en Galiza, hai unha Igrexa galega que existe e resiste. E dende esa identidade unímonos a outras igrexas nacionais na Iberia e por todo o mundo, coas súas peculiaridades culturais e étnicas”.
Moito máis que patrimonio
A súa defensa da lingua faise dende un enfoque que vai máis alá do “patrimonialista” ou conservador: “o pobo galego, que ten unha lingua de seu, debe non só conservala e coidala coma un tesouro, senón vivila, inzala; porque a lingua é sempre, privilexiadamente, a esencia dunha cultura, non un puro apéndice utilitario”. Consideran máis grave “destruír a lingua galega ca derrubar a benquerida catedral de Santiago. Estamos convencidos de que Galiza só pode medrar realmente galeguizándose, defendendo pacificamente a súa lingua e identidade propia sen pecharse ao mundo. Neste convencemento, cremos que tamén a Igrexa Galega debe facer esta aposta; se quere ser realmente galega e non un enclave colonial, cremos que é imprescindíbel que fale galego, que proclame o Evanxeo, que rece e celebre a fe en galego”.
Lembran tamén neste manifesto que “unha parte importante da Igrexa fixo moito e ben en Galiza a prol do pobo galego e da súa lingua.” O bispo compostelán Lago González dixo: “Amando a Galicia amaremos a Deus”; no Concilio Pastoral de Galicia algúns bispos e cregos galegos “foron manifestando de palabra e obra a súa aposta polo galego”; e o recentemente finado Miguel-Anxo Araúxo deixou escrito: “Ser galego e non exercer de galego é unha esquizofrenia mental e cordial”
http://www.anosaterra.org/nova/31793/a-igrexa-tamen-presenta-o-seu-manifesto-polo-galego-.html