Pular para o conteúdo

Nélida Piñón “O galego é unha lingua de seu, distinta do portugués”

outubro 11, 2009

1141394348A_republica_dos_sonos

A brasileira de orixe galega ficcionaliza as súas memorias en ‘Corazón andariego’

“Estou moi cansa. Erguinme ás catro da mañá e non durmo ben dende que saín do Brasil”, advirte Nélida Piñón (Vila Isabel, Río de Janeiro, 1937) ao comezo deste encontro. Leva case toda a semana promocionando o seu novo libro, Corazón andariego, publicado en castelán por Alfaguara, e o esgotamento reflícteselle no rostro, pero non afecta ao seu carácter aberto e falador.

Nunha conversa que mestura galego, portugués e sobre todo castelán, tres linguas que a autora d’A república dos soños considera como entes diferenciados. Nesa Babel na que todo se entende, a escritora fala, coma se nunca o contara antes, de como a memoria construe unha ficción co pasado de un, ou de como unha visita a unha Galicia “fabuladora” con dez anos cambiou a súa visión da vida.

Que a levou a escribir unhas memorias coma estas, onde hai tanta ficción?

Eu non fago ficción. É a memoria a que dalgún xeito ficcionaliza a vida. A vida é un repertorio tan vasto que non permite rexenerar a memoria. Mesmo cando un non o desexa, a memoria ficcionaliza a vida. Eu escribín sobre o que me parece presente na miña vida, na miña memoria, nas miñas evocacións. Pero son consciente das limitacións, das traicións da memoria. A memoria é o repertorio máis fecundo do humano.

Non lle conta aos lectores a súa formación como escritora.

Non cheguei tan lonxe, quería poñer toda a énfase na miña formación interior, a máis importante. Foi a que me levou á literatura e á práctica literaria. Eu creo que a escrita que virá despois está xa alí. Non podía abarcar a miña vida enteira. Para iso necesitaría varios volumes.

Sempre soubo que sería escritora?

Iso me parecía, si, aínda que dunha maneira imprecisa. Eu imaxinaba que os escritores vivían o que escribían. Para min, Alexandre Dumas [o autor de Les Trois Mousquetaires] era el mesmo un mosqueteiro. Eu tamén quería ser unha aventureira. Deixar a casa e non volver. Aventuras talvez non, pero viaxes, con esta profesión, tería unha cantas. Aventuras tiven algunhas, pero non as que imaxinara, sobre un cabalo atravesando un prado, vivindo da paisaxe, nunha soidade absoluta en contacto cos animais, atopándome de súpeto cos indios. Sempre me gustaron os libros de aventuras. Aínda hoxe, cando vexo unha desas películas de época, que me encantan, asumo a personalidade de moita xente.

En Corazón andariego tamén ficcionaliza a súa relación con Galicia.

Non podo falar de min sen falar de Galicia. É a miña xenealoxía. Tiven a sorte de vir aquí con dez anos e desenvolver a miña vocación do sobrenatural. Agora todo cambiou moito, pero daquel viaxe eu recordo frío, todo escuro, mulleres de negro que me apertaban e me falaban nun idioma raro, rústico, que eu non entendía. Foi un circo. Nós viñamos cargadísimos de vultos e chovía tanto que a entrada da vila de meu pai [Cotobade, na provincia de Pontevedra] estaba chea de lama. Iso é o que devolve agora a memoria. Foi un namoramento que logo, andando a vida, incorporouse á miña visión do mundo, que tamén pasa por Homero e polo mundo antigo. Cando vexo a fachada da catedral de Santiago, sinto orgullo. Orgullo da miña xente, que trouxo aquí toda esa pedra e a traballou para construíla.

É difícil conseguir aquí os seus libros en versión orixinal, en portugués, pero tampouco se traducen ao galego. Este, por exemplo, témolo que ler en castelán. Parécelle ben?

Non sei, a min gustaríame que se me traducise ao galego, porque non estou tan segura de que a xente saiba portugués. Pero iso é unha cuestión das editoriais que non me compete. Estou á mercé do que decidan. Cantos anos tiveron que pasar para que se traducise A república dos soños [o orixinal é de 1984, a versión galega que publicou Galaxia é de 2004] ao galego?

O acordo ortográfico da lusofonía entrou en vigor este ano en Brasil.

O acordo ortográfico dos países lusófonos provocou moito malestar, aínda que para min non implica modificacións moi radicais. En todo caso, o que persegueu e posicionar o portugués no contexto internacional.

Debería estar aí o galego?

O galego é unha lingua de seu, soberana, coa súa cultura e a súa literatura, coas súas reclamacións propias. Unha lingua distinta do portugués, que sobreviviu grazas aos seus intelectuais.

http://www.xornal.com/artigo/2009/10/10/cultura/galego-lingua-seu-soberana-distinta-do-portugues/2009101022453322292.html

No comments yet

Deixe um comentário